Monday 06 de May de 2024

O alcalde presenta a nova tarxeta turística, que ofrece descontos na rede municipal de museos e á que se adherirán hoteis, comercios e o sector hostaleiro


Carlos Negreira asegura que Coruña Card nace para converterse en “unha ferramenta de promoción” e dispoñer de maiores vantaxes á hora de gozar da cidade

O alcalde coruñés, Carlos Negreira, presentou esta mañá a tarxeta turística do Concello, Coruña Card, aos representantes do sector turístico da cidade. O rexedor sinalou que o proxecto nace co obxectivo de converterse en “unha ferramenta de promoción”. A tarxeta permite a entrada e visita a todos os museos da rede municipal (Casa das Ciencias,Aquarium Finisterrae, Domus, Castelo de San Antón e Torre de Hércules), pero tamén nace co obxectivo de propoñer un amplo abano de oportunidades, polo que o paso que está agora en marcha é a incorporación de hoteis, establecementos comerciais e de hostalaría para que ofrezan descontos e vantaxes aos usuarios.
“Xaneiro é un bo mes para poñer en marcha a tarxeta turística, pois permitirá que en xuño teñamos incorporados moitos sectores e empresas para fagan a súa oferta comercial e turística da cidade. Empezamos coa promoción dos museos, pero xa estamos en negociacións para incorporar hoteis, comercios e o sector da hostalaría. Os obxectivos desta tarxeta turística son dar máis accesibilidade aos turistas e ofrecer descontos de promoción para vir e gozar de todas as posibilidades da cidade”, destacou o alcalde.
Durante o acto de presentación ao sector turístico, que se celebrou no Aquarium, Carlos Negreira asegurou que Coruña Card nace coa vocación de converterse en “unha ferramenta de promoción da cidade, completando a oferta turística de ocio e cultural con promocións e descontos noutros sectores e servizos, dende o comercio á hostalaría,”. “É unha aposta valente, un compromiso persoal deste Goberno local e un valor engadido á oferta que poñemos en mans dos case 400.000 turistas que nos visitan cada ano”, engadiu.
“Coruña Card é un produto que unifica a oferta, que contribuirá a aumentar a estanza media dos visitantes na cidade e cuxo grande atractivo debe ser o aforro tanto de diñeiro coma de tempo aos turistas. Como consecuencia, o seu fin último é o de promover o noso comercio, a nosa hostalaría e o noso ocio reuníndoos nun só produto, afirmou o alcalde, quen engadiu que en Galicia non existe ningún servizo destas características, o que equipara á Coruña co resto de cidades referentes a nivel turístico en España.
As catro modalidades de Coruña Card son:
. Coruña Kids (infantil), con validez por 72 horas e prezo de 5 euros. Cor verde.
. Coruña Card 24 horas. 11 euros. Cor carmesí.
. Coruña Card 48 horas. 13 euros. Cor laranxa.
. Coruña Card 72 horas. 15 euros. Cor azul.
As tarxetas son personalizadas, de modo que serven tamén de soporte promocional de eventos, exposicións ou concertos. Neste sentido, o alcalde avanzou que a próxima emisión incluirá un motivo referente á exposición de Picasso e que unha das primeiras accións previstas é a presenza do Consorcio de Turismo na próxima final da Copa do Rei de Baloncesto que se celebrará en Canarias, onde se comercializarán mil tarxetas personalizadas: “Desta forma, os que compren o seu aboamento para a final de 2016, que como se celebrará na Coruña, se levarán tamén unha tarxeta Coruña Card,”.
Na primeira fase (implantación do novo servizo), a tarxeta turística do Concello da Coruña permite a entrada e visita a todos os museos da rede municipal (Museos Científicos, San Antón e a Torre) de forma ilimitada durante o seu período de validez, xa sexa nas súas modalidades de 24, 48 ou 72 horas.
Esta primeira fase xa está en marcha e emitíronse 2.000 tarxetas e outros tantos folletos cun plano da cidade que se entrega con cada tarxeta. Pódense adquirir nas oficinas de turismo e na sede da Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades (EMVSA) e non teñen data de caducidade. Actívanse co primeiro uso e expiran cando se cumpre o seu período de vixencia. A tarxeta Coruña Carddifundirase a través de internet e redes sociais. De feito, dentro da web turismocoruna.com xa hai unha sección en castelán, galego e inglés con toda a información.
Na segunda fase que se pon hoxe en marcha, o Concello busca que hoteis, establecementos de ocio, locais de hostalaría e comercios se somen a esta iniciativa. Cada firma que se adhira será situada no plano coa súa identificación por categoría e especificación do desconto ou promoción. Ademais, cada establecemento estará distinguido co seu correspondente adhesivo e recibirá a información necesaria. O alcalde tamén adiantou que nunha terceira fase se pretenden incorporar novos servizos.

ALVEDRO E SEGURIDADE SOCIAL
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, tamén aproveitou para destacar os datos de Alvedro durante 2014, ao converterse no aeroporto que máis crece da rede de AENA cun incremento do 17,74% con respecto a 2013, alcanzado os 988.834 pasaxeiros
-é dicir, 148.997 máis que o ano anterior-.
“Hai que valorar positivamente que Alvedro é o aeroporto que máis crece, que diversificamos as compañías e que se está a culminar a ampliación da pista que pediamos dende hai anos”, engadiu Negreira.
O alcalde tamén fixo balance das afiliacións á Seguridade Social durante o ano pasado. A Coruña é a cidade galega que máis creceu. Así, A Coruña alcanza os 125.992 afiliados, un incremento do 4,14%, o que converte A Coruña -por primeira vez dende que se rexistran os datos- na cidade galega con máis afiliados (329 máis que Vigo, cando ao inicio deste mandato tiña 7.477 afiliados máis que A Coruña).